Saturday 11 de May de 2024

Alternativa de Sada denuncia a inexistencia dun servizo de urxencia de Taxi


Alternativa dos Veciños está a recoller múltiples queixas da veciñanza sadense por non dispor do servizo de taxi de urxencia nas últimas semanas.

Alternativa dos Veciños Sada está a detectar, dun tempo a esta parte, que Sada non dispón de servizo nocturno de Taxi, tanto nos días laborais, coma na fin de semana ou días festivos. A parada de taxis de Sada permanece valeira ao chegar á noite, unha circunstancia que afecta, directamente, á poboación máis vulnerable, persoas maiores, con discapacidades, ou problemas coa mobilidade reducida.

Se a poboación de Sada xa está gravemente prexudicada ao non dispor dos turnos preceptivos de Policía local, esta carencia básica no transporte público de persoas en vehículos de turismo, taxi, empeora aínda máis a situación da cidadanía que, entre outras cousas, vese na obriga de colapsar outros servizos de urxencia coma o da ambulancia.

Alternativa lembra que redactar unha ordenanza no servizo de taxi é competencia municipal, ademais da obriga de facela cumprir, por outra banda, ademais desta carencia hai que subliñar que Sada tampouco ten unha central de taxi coma “Radio Taxi” ou “Tele Taxi”, e que os concellos limítrofes tampouco ofrecen este servizo en Sada.

Para Alternativa dos Veciños é unha auténtica vergoña que o goberno municipal de Sada nin se entere, nin sexa quen de buscar solucións a estas carencias que son básicas no referente ós servizos de urxencia, e, lamenta profundamente que na actualidade a poboación de Sada estea completamente desatendida.